Achégase o Nadal

Achégase o Nadal, e con el o aniversario de A las 5 que terá lugar o próximo catro de febreiro.

Tras un tímido comezo con apenas cincuenta comensais diarios, fomos aprendendo o oficio e emendando deficiencias que nos permiten xa a día de hoxe atender a máis de cen persoas todos os días.

Xa non está lonxe o noso obxectivo inicial de poder atender a diario a cento cincuenta necesitados, cifra esta que esperamos poder alcanzar coincidindo co noso primeiro aniversario

Mais este logro non é tan só das persoas que tiveron un día a idea de crear unha ONG para afrontar tal proxecto, senón que se debe fundamentalmente a todas aquelas persoas que dende un principio asumiron como propia a idea, achegando a súa asignación económica periódica e/ou o seu traballo persoal como voluntarios para a realización diaria de todas as tarefas de intendencia, restauración, limpeza, mantemento, etc. indispensable para o bo éxito da empresa

A dia de hoxe, contamos con 174 socios contribuíntes que achegan un total de 2.186 € mensuais e 117 voluntarios que por equipos e quendas veñen realizando ininterrompidamente o seu labor altruísta hostaleira.

Grazas a eles, no que levamos de andaina, proporcionáronse máis de vinte e sete mil asistencias repartidas entre cento sesenta persoas.

Para os que aínda non coñecen A las 5 ou aínda non forman parte da Organización, saiban que:

A súa achega mensual permitiranos seguir traballando para contribuír a garantir unha asistencia digna aos nosos semellantes, afincados en Vigo, máis desfavorecidos pola fortuna.

Con 1 € diario podemos dar asistencia a unha persoa diariamente. Pero como moitos poucos fan un moito só pedimos a súa axuda na medida que lle sexa posible; na confianza de que moitas axudas como a súa permitirán o éxito da nosa pretensión de axuda solidaria ao necesitado. –

A misión principal de A las 5 é contribuir, con outras organizacións xa existentes, para que as necesidades sufridas polos nosos semellantes sexan máis levadeiras.

Para logralo, o Proxecto principal de A las 5 é o de proporcionar a esas persoas máis desafortunadas algo solido e quente que poder inxerir a diario ó finaliza-la  tarde e que lles permita afrontar a noite sen os torzóns dun estomago baleiro

Faga este Nadal algo necesario!        Fágase socio de A las 5

Deixar unha resposta