Todos xuntos….¡Podemos!

 

Hoxe dia 4 de setembro, A las 5 cumpriu o seu sétimo mes de actividade. Cantos estamos implicados no proxecto sentímonos compracidos de estar a facer algo necesario e demandado polo principio de solidariedade cos que son menos afortunados ca nós nestes tempos que nos tocou vivir. Cando abrimos as portas, fixémolo co convencemento de que a xenerosidade humana é maior do que un ás veces se imaxina. O noso presuposto era escaso; pero confiando en que máis pronto que tarde non deixariamos de recibir as axudas necesarias, optamos por dar o paso sen demoras e en verdade que non nos equivocamos. A día de hoxe contamos xa con 161 socios contribuíntes que coas súas achegas globais e periódicas de 2.115 euros ó mes, nos permiten estar a atender xa a máis de cen persoas diarias, ás que se lles proporciona o seu bocata acompañado de zumes, bebida refrescante, café, leite, galletas, colacao, bolería,  etc. o que poden tomar no propio local, ambientado a xeito de cafetaría, ou leválo para o seu posterior consumo fóra do establecemento. De feito, este último sistema é o utilizado por moitas familias con catro e cinco membros, un dos cales é o que acode á bocatería para levarse o de todos eles e consumilo no seu fogar.  Nestes casos e na medida das nosas existencias adoitamos reforzar o bocata acompañándoo dalgunha conserva tanto de froita coma de peixe ou carne que xenerosamente nos proporciona o banco de alimentos. En canto aos gastos que habemos de afrontar, coas achegas dos socios cubrimos escasamente os bocadillos repartidos, xa que o seu número ímolo aumentando e adaptando precisamente na medida que nos permiten esas achegas, ata que alcancemos a cifra de 150 bocatas diarios que é o obxectivo que nos marcamos en orixe sobre a base do estudo de necesidades e natural capacidade de atención. Quedan logo as partidas de luz, auga, arrendos e outros, cos que imos e iremos trampeando  mentres poidamos ata conseguir máis axudas e os complementos alimenticios que ata o momento nos facilita, como colaboración, a empresa Tostaderos de Café Las Antillas-Campos, de Ourense, a través da súa Fundación Florencio Álvarez e María Teresa Esteban. En definitiva congratulámonos polo conseguido ata agora e pola boa acollida que o proxecto está a ter entre os beneficiarios. Damos as grazas a cantos se implicaron nesta empresa achegando o seu apoio económico ou o seu traballo persoal no voluntariado imprescindible e facemos unha chamada aos que nos vaian coñecendo, animándoos a que se unan ao grupo e nos dean así a forza necesaria para seguir adiante. Todos  xuntos….Podemos.

2 comments on “Todos xuntos….¡Podemos!
  1. Jorgr Ponte di:

    Una pequeña aportación se convierte en una gran ayuda.

    • Manuel Mariño di:

      ¡Y que lo digas! A base de granos se hace el granero. El caso es tener voluntad y participar.

Deixa unha resposta a Jorgr Ponte Cancelar a resposta